Maxia educativa

Logotipo de Maxia educativa con Magia en la Manga.

Maxia educativa

A maxia consegue espertar a curiosidade e a fascinación dos máis pequenos, e por iso a maxia educativa combina misterio e diversión con educación en contidos, valores e competencias esenciais.

Para levar esta maxia a colexios, institutos e bibliotecas de toda Galicia, en Magia en la Manga contamos cunha ampla oferta de espectáculos e obradoiros de maxia educativa, con temáticas diferentes e con diferentes versións para axeitarse ás idades dos alumnos. Tamén podemos adaptar o formato ás necesidades de cada centro: actividades presenciais, online, sesións curtas por aulas… Consúltanos!

Os espectáculos

Os espectáculos de Magia en la Manga procuran sempre o maior entretemento e sorpresa, pero sen esquecer que sexan instrutivos; adaptamos os espectáculos ás idades e coñecementos do público para cativar o seu interese e introducir contidos, valores e competencias de xeito ameno a través da maxia.

A igualdade non ten truco

A igualdade non ten truco é un espectáculo de maxia que procura promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas.

Saber máis...

The Best Magic Trick in the World

Acompañamos ao atoleirado mago Charles Munro nunha viaxe arredor do mundo totalmente en inglés para descubrir a importancia de coñecer e respectar outras culturas.

Saber máis...

Hoxe toca... maxia!

Aprender é moi importante, pero divertirse é necesario! Para eses días especiais do ano escolar nos que só se trata de pasalo ben, velaquí un espectáculo de maxia divertido, participativo e sobre todo moi máxico.

Saber máis...

Os obradoiros

Moitas nenas e nenos senten moita curiosidade pola maxia e a moitas e moitos encantaríalles coñecer algúns dos segredos mellor gardados dos mellores ilusionistas. Que mellor maneira de aprender estes incribles trucos de maxia da man de auténticos magos profesionais!

Cartel do obradoiro de maxia educativa en inglés “The Magic Workshop”.

The Magic Workshop

“Learning by doing”, ou aprender facendo, é unha das maneiras máis efectivas e divertidas de aprender unha lingua estranxeira. Este obradoiro de maxia é impartido completamente en inglés e fomenta o uso do inglés nos participantes ao mesmo tempo que aprenden divertidos e enxeñosos xogos de maxia adaptados á súa idade e ao seu nivel.

Cartel do obradoiro de maxia e matemáticas “Resolvendo imposibles”.

Resolvendo imposibles

Quen ía dicir que as matemáticas podían ser máxicas e sorprendentes? Neste obradoiro aprenderemos enxeñosos trucos de maxia baseados en sinxelos pero interesantes principios matemáticos. Probabilidade, álxebra, combinatoria, xeometría… son algunhas das ferramentas que empregaremos para demostrar a maxia das matemáticas.

Cartel do obradoiro de maxia educativa “Maxia no estoxo”.

Maxia no estoxo

Non hai mellor maxia que a que se pode facer con obxectos comúns do día a día. Neste obradoiro aprenderemos xogos de maxia con lápices, ceras de cores, gomas elásticas, papeis… e veremos que e as mochilas e estoxos están cheos de pequenos milagres cos que sorprender a amigos e familiares.

Preguntas frecuentes

Para que idades están pensadas as actividades?

Temos versións diferentes de cada espectáculo e obradoiro para grupos de idades diferentes, dende educación primaria ata bacharelato. Tamén podemos facer maxia para educación infantil, pregúntanos para saber en que consiste!

Os xogos de maxia que explicamos nos obradoiros son de execución sinxela e adaptada ás idades dos participantes, sen deixar de ser abraiantes e divertidos de aprender e realizar.

En que espazos se poden realizar?

Podemos crear o escenario ou espazo para a actividade en prácticamente calquera espazo do colexio ou instituto: sala de usos múltiples, biblioteca, salón de actos… incluso en exterior se a meteoroloxía o permite. Consúltanos e buscaremos a forma de adaptarnos ao espazo dispoñible.

Canto duran as actividades?

Cada pase da actividade ten unha duración de 50 minutos, que se corresponde cunha hora lectiva. Por mor da Covid-19, no caso dos espectáculos tamén contamos cun formato de sesións curtas por aulas de 15 minutos de duración, sen contacto cos alumnos.

Pódense facer varios pases no mesmo día?

Si, tanto pases do mesmo espectáculo ou obradoiro como de actividades diferentes no mesmo día.

Cantos alumnos poden participar?

Nos espectáculos, tantos alumnos como poidades xuntar! Iso si, sempre recomendamos que estean divididos por grupos de idades para axustar o mellor posible o contido do espectáculo. Consúltanos para que poidamos buscar a mellor fórmula para chegar a todo o alumnado do centro.

En caso dos obradoiros, podemos facelos para grupos reducidos nos que a atención estea máis individualizada, ou para grupos máis numerosos se o centro conta con medios técnicos para que se vexa ben (como pantalla e proxector). Consúltanos sen compromiso para que ningún alumno do colexio ou do instituto quede sen aprender maxia!

Só se poden realizar en colexios e institutos?

Non, tamén podemos facer estas actividades en bibliotecas, asociacións, campamentos… Pregúntanos!

Ata onde vos desprazades?

Podemos desprazarnos a calquera punto de Pontevedra, A Coruña, Lugo e Ourense, pero tamén podemos facer as actividades en formato online para chegar aínda máis lonxe. Consúltanos sen compromiso!

Queres saber máis?

Se queres levar a nosa maxia educativa ao voso centro, non dubides en consultarnos! Procuraremos a mellor maneira de axeitarnos ao teu centro e ao teu alumnado.