A igualdade non ten truco
Por que hai máis magos que magas?
É certo que estamos afeitos a ver magos, pero tamén teñen existido e existen hoxe moitas mulleres magas. A igualdade non ten truco é un espectáculo de maxia que procura promover a igualdade de xénero a través da arte do ilusionismo e das vivencias das mulleres ilusionistas. Da man de Sara Rodríguez e Carlos Tomico, un espectáculo divertido e máxico, pensado para transmitir ademais unha mensaxe moi importante nestes tempos.


Unha maga e un mago forman este dúo para realizar misterios e imposibles que ademais nos levarán por diferentes ideas e conceptos do feminismo e da igualdade de xénero. Viaxes e transformacións inexplicables, un conto de fadas reinventado, ou unha volta atrás no tempo á época das primeiras e máis importantes magas; son algúns exemplos do que poderedes ver neste espectáculo cheo de sorpresas ata o final onde nada é o que parece.
Despois de ser representado en numerosos centros educativos de toda Galicia, cunha moi boa acollida tanto das alumnas e alumnos como do equipo docente, A igualdade non ten truco dá agora un salto aos escenarios cunha nova posta en escena e moita máis maxia!
Ficha técnica
- Creación e dirección: Magia en la Manga
- Intérpretes: Sara Rodríguez, Carlos Tomico
- Duración: 60 minutos
- Espazo escénico mínimo: 8x4 m
- Ideal para teatros e auditorios
- Dispoñible en galego ou en castelán.

Queres saber máis?
Se queres levar a nosa maxia á túa localidade, non dubides en consultarnos! Procuraremos a mellor maneira de axeitarnos a cada evento.